Páginas

domingo, 25 de noviembre de 2018

25 de novembro

Hoxe celébrase o Día contra a Violencia de Xénero. Unha celebración triste, que nos lembra que vivimos nunha sociedade onde a igualdade entre homes e mulleres, entre nenos e nenas, segue a ser unha falacia.
Cada ano asistimos a un desfile de cifras e datos que nos lembra o drama que viven algunhas mulleres só polo feito de selo: maltratos, violacións, mortes... Pero tamén vemos como unha parte cada vez máis grande da poboación é consciente de que estes casos son resultado dunha sociedade machista e patriarcal, e que calquera palabra, calquera xesto que rebaixe á muller importa.
Conscientes disto, desde a Anpa cremos que só unha educación en igualdade, baseada no respecto ás diferenzas pode conducirnos cara a unha sociedade xusta e igualitaria.
Por isto, o venres 23 sorprendemos ás alumnas e alumnos do cole con tatuaxes que lembraban con debuxos e letras a importancia de educar en igualdade, de que os xogos non teñen xénero e que somos iguais coas nosas diferenzas.

sábado, 10 de noviembre de 2018

UNHA NOVA ANPA, MÁIS FORTE E MÁIS ACTIVA

Hoxe moitos de nós recibimos unha agradable sorpresa: xunto cunha carta de presentación da nosa directiva, chegou ás nosas casas a través dos nosos fillos e fillas o carné de familias socias da nosa asociación.

Este carné, ademais dos beneficios que se explican tanto na propia carta coma na listaxe de establecementos colaboradores, identifícanos como membros dun equipo activo dentro da comunidade educativa do CEIP Laverde Ruíz, un colectivo de nós e para nós, punto de encontro das familias que procuramos unha educación integral para os nosos fillos e fillas.
Precisamente este é o obxectivo do novo equipo directivo da asociación: converterse nun membro activo, nun verdadeiro representante de pais e nais disposto a loitar pola mellor educación dos nosos nenos e nenas, apoiando tódolos proxectos que se desenvolvan dende o cole, mantendo unha perspectiva propia, revindicando todas aquelas melloras que consideremos xustas e necesarias, así como denunciando, no caso de que as familias así o consideremos, aquilo que achemos prexudicial para a convivencia, desenvolvemento e formación dos nosos fillos e fillas, tanto no propio colexio coma nas demais instancias relacionadas directa ou indirectamente co ensino e educación dos nosos nenos e nenas.




sábado, 27 de octubre de 2018

CHEGA O SAMAÍN: É TEMPO DE PASAR MEDO!!


Meigas e trasnos, demos, lobishomes e chupasangues, e por suposto a Santa Compaña... a mitoloxía galega está chea de personaxes capaces de poñer os pelos de punta ó máis valente: quen non oíu falar do home do saco? ou dos mouros que escondían olas de ouro protexidas con prodixiosos feitizos? das xanas de ríos e regatos que enfeitizaban os aguerridos pastores, arrastrándoos ó inframundo?

Mais, a pesar da súa riqueza, toda esta tradición estase perdendo: inmersos nun mundo globalizado onde as culturas minorizadas non teñen cabida, onde os contos dos avós a carón do lume foron substituídos pola TV,  os nosos fillos falan de zombis, vampiros e lobos-home, pero descoñecen todos estes personaxes que facían tremer de medo ós nosos antepasados.
Por iso, desde a Anpa aplaudimos a iniciativa do noso cole de celebrar o Samaín convertidos en terroríficos personaxes da nosa tradición e animámosvos a descubrirlles @s vos@s fill@s toda esta riqueza cultural e a caracterizal@s segundo os modelos tradicionais, sen deixarse levar polas imaxes que nos venden as películas americanas.

Se queredes máis información sobre este tema podedes consultar os seguintes enderezos:


Para coñecer máis sobre o Samaín podedes ver os seguintes libros:



Tedes máis recursos no seguinte enlace:


domingo, 21 de octubre de 2018

HORARIO DE ACTIVIDADES


Como xa sabedes, o 15 de outubro comezaron as actividades ofertadas pola Anpa para os alumnos e alumnas do noso cole. Por se hai alguén despistado, compartimos aquí o horario das mesmas, con toda a información necesaria:




Por se hai alguén que aínda non forme parte da nosa asociación e estea pensando en entrar, ou se algún nen@ está interesad@ en apuntarse nalgunha actividade (sempre e cando haxa prazas), aquí quedan os enlaces ós documentos precisos (no caso de que non consigas abrilos directamente podes copiar a dirección e pegala no teu buscador):

- Impreso de solicitude para participar nalgunha actividade extraescolar:


_ Impreso para facerse familia socia da Anpa:
                https://drive.google.com/file/d/1NSWs8T8exjXUa5tWLoIIEbld8VFsxLfO/view?usp=drivesdk

martes, 25 de septiembre de 2018

COMEZANDO UN NOVO CURSO


O 12 de setembro comezou un novo curso, coa novidade de atoparnos en plenas obras de ampliación do noso cole. Ante esta situación, desde a Anpa propoñemos a recollida de sinaturas para, por un lado solicitar á Consellería de Educación a continuación da xornada continua durante o periodo que duren as obras, por outro lado solicitar ó Concello una maior limpeza durante o mesmo periodo. Ámbolos dous escritos están a disposición de tódolos membros da comunidade educativa que desexen asinar, na entrada principal do CEIP Laverde Ruíz ata o venres 28 de setembro.
Do mesmo xeito, a Anpa está dando os pasos pertinentes para a realización dun informe sobre a seguridade no centro durante as obras por parte dun técnico cualificado.

domingo, 20 de mayo de 2018

REVÁLIDAS

O mércores 23 e o xoves 24 deste mes o alumnado de 3 de Primaria de tódolos centros de Galicia será sometido a unhas probas externas coñecidas como "reválidas" (fronte ás de 6 de Primaria e 4 da ESO que só realizan algúns centros elexidos aleatoriamente).
A directiva da ANPA está en total desacordo coa realización dunhas probas externas que non teñen en conta o neno, as súas capacidades, o seu esforzo e a súa evolución ó longo do curso. Cremos que a avaliación dos nosos nenos debe quedar nas mans dos profesores que traballan con eles día a día, observándoos e motivándoos para alcanzaren os mellores resultados, e avogamos porque este traballo non se vexa alterado por unhas probas elaboradas desde calquera despacho de Santiago, sen contacto con alumnado de ningún tipo.
Por isto, propoñemos ás familias afectadas que eses días non envíen os nenos e nenas ó colexio. Para facilitar isto a aquelas familias que non teñen con quen deixalos, a directiva da ANPA organiza unhas xornadas en San Clodio (a casa das formigas) coa axuda de Cool School.
A este respecto, hai que sinalar a negativa do Concello a cedernos algún dos locais sociais cos que conta, para levar a cabo estas xornadas.
A continuación podedes atopar a carta enviada ás familias  coa información sobre as xornadas en San Clodio e a autorización que os nenos deben entregar no colexio este luns:

martes, 15 de mayo de 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.
María Victoria Moreno

O 17 de maio celébrase o día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe.
Se ben María Victoria non é  moi coñecida, hai varios aspectos da súa vida e obra que dende aquí queremos destacar:
En primeiro lugar, esta autora foi unha pioneira na literatura infantil e xuvenil na nosa lingua, con obras como Mar adiante www.xerais.gal/libro.php?id=2195651, A festa no faiado ou Anagnórise http://editorialgalaxia.gal/produto/anagnorise/.



O Arroás de Mar adentro, cuxas ilustracións realizou María Victoria para a súa primeira edición

En segundo lugar, esta cacereña sen ascendencia galega amosou sempre o seu interese pola nosa lingua, que ela consideraba a súa lingua por elección. Tal é así, que María Victoria Moreno non só foi coautora dos primeiros libros de texto de Lingua e Literatura galega cando estas comezaron a ser impartidas de forma oficial nos centros educativos, senón que antes disto, en plena Ditadura, ela mesma ensinaba estas asignaturas de forma gratuíta e semiclandestina, o que lle supuxo a retirada do pasaporte como represalia. 
Nun pobo que lle nega á lingua propia a importancia que ten como parte da cultura e se despreocupa d súa transmisión ás novas xeracións deixándoa esmorecer, nun pobo no que o sistema educativo traballa para a castelanización da sociedade, non recoñecendo ós nenos e nenas galegofalantes o dereito a seguir séndoo, queremos que o compromiso e traballo de María Victoria serva como exemplo a toda a comunidade educativa e en especial ó profesorado, á hora de promocionar, difundir e respectar o noso idioma.
Podedes encontrar máis información sobre esta autora en http://www.lingua.gal/letras-galegas/contido_0056/2018-maria-victoria-moreno


Feliz día das Letras Galegas!!

miércoles, 7 de marzo de 2018

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Este xoves 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora, na que se conmemora a loita feminina por unha sociedade máis xusta.
A continuación podedes ver un vídeo onde se expoñen os diferentes feitos que levaron ó recoñecemento deste día.

Este ano está convocada unha folga feminista para celebrar esta data. Co lema Se paramos todas, paramos todo continúase a liña de protestas iniciadas fai anos en países como Islandia, Polonia ou Arxentina.

Dende este blog queremos propoñer algunhas lecturas que axudan a educar na igualdade. Pero lembrade que somos nós, nais e pais, coa nosa actitude diaria os que podemos conseguir que as novas xeracións acaden o obxectivo de crear unha sociedade xusta.
Destacamos o conto de A historia dos Bonobos con gafas, do cal podedes ver un vídeo a continuación:

 
Igualmente no seguinte enlace temos as distinfas propostas de Kalandraka sobre este tema:
www.kalandraka.com/blog/wp-content/uploads/2013/03/Lecturas-en-feminino_mar13.jpg

Tamén temos coleccións sobre mulleres destacadas da nosa historia, así, por exemplo, destacamos a obra dedicada a Frida Khalo en Otras princesas. En galego atopamos Mulleres bravas da historia, que nos presenta biografías de mulleres destacadas da cultura galega como Rosalía de Castro ou Maruja Mallo.

martes, 6 de febrero de 2018

CHEGOU O ENTROIDO Ó NOSO COLEXIO


Como vén sendo habitual, esta semana o colexio Laverde Ruíz vólcase en celebrar estas festas de tradición ancestral, propoñendo que cada día da semana os nenos e nenas leven algunha peculiaridade na súa indumentaria: luns no colo, martes na cabeza, mércores a cara pintada e xoves disfraz libre. Para o venres o colexio decidiu rememorar os disfraces tradicionais galegos: peliqueiros, capitáns da Ulla, pantallas, galáns, madamas... percorerán o patio coas súas chocas e coloridos vestidos. Noraboa ó colexio por esta fantástica idea, que permite ós nosos nenos e nenas coñecer unha festa que vai moito máis alá có disfraz de moda. Feliz festa do mundo ó revés a todos!