Páginas

domingo, 20 de mayo de 2018

REVÁLIDAS

O mércores 23 e o xoves 24 deste mes o alumnado de 3 de Primaria de tódolos centros de Galicia será sometido a unhas probas externas coñecidas como "reválidas" (fronte ás de 6 de Primaria e 4 da ESO que só realizan algúns centros elexidos aleatoriamente).
A directiva da ANPA está en total desacordo coa realización dunhas probas externas que non teñen en conta o neno, as súas capacidades, o seu esforzo e a súa evolución ó longo do curso. Cremos que a avaliación dos nosos nenos debe quedar nas mans dos profesores que traballan con eles día a día, observándoos e motivándoos para alcanzaren os mellores resultados, e avogamos porque este traballo non se vexa alterado por unhas probas elaboradas desde calquera despacho de Santiago, sen contacto con alumnado de ningún tipo.
Por isto, propoñemos ás familias afectadas que eses días non envíen os nenos e nenas ó colexio. Para facilitar isto a aquelas familias que non teñen con quen deixalos, a directiva da ANPA organiza unhas xornadas en San Clodio (a casa das formigas) coa axuda de Cool School.
A este respecto, hai que sinalar a negativa do Concello a cedernos algún dos locais sociais cos que conta, para levar a cabo estas xornadas.
A continuación podedes atopar a carta enviada ás familias  coa información sobre as xornadas en San Clodio e a autorización que os nenos deben entregar no colexio este luns:

martes, 15 de mayo de 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.
María Victoria Moreno

O 17 de maio celébrase o día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe.
Se ben María Victoria non é  moi coñecida, hai varios aspectos da súa vida e obra que dende aquí queremos destacar:
En primeiro lugar, esta autora foi unha pioneira na literatura infantil e xuvenil na nosa lingua, con obras como Mar adiante www.xerais.gal/libro.php?id=2195651, A festa no faiado ou Anagnórise http://editorialgalaxia.gal/produto/anagnorise/.



O Arroás de Mar adentro, cuxas ilustracións realizou María Victoria para a súa primeira edición

En segundo lugar, esta cacereña sen ascendencia galega amosou sempre o seu interese pola nosa lingua, que ela consideraba a súa lingua por elección. Tal é así, que María Victoria Moreno non só foi coautora dos primeiros libros de texto de Lingua e Literatura galega cando estas comezaron a ser impartidas de forma oficial nos centros educativos, senón que antes disto, en plena Ditadura, ela mesma ensinaba estas asignaturas de forma gratuíta e semiclandestina, o que lle supuxo a retirada do pasaporte como represalia. 
Nun pobo que lle nega á lingua propia a importancia que ten como parte da cultura e se despreocupa d súa transmisión ás novas xeracións deixándoa esmorecer, nun pobo no que o sistema educativo traballa para a castelanización da sociedade, non recoñecendo ós nenos e nenas galegofalantes o dereito a seguir séndoo, queremos que o compromiso e traballo de María Victoria serva como exemplo a toda a comunidade educativa e en especial ó profesorado, á hora de promocionar, difundir e respectar o noso idioma.
Podedes encontrar máis información sobre esta autora en http://www.lingua.gal/letras-galegas/contido_0056/2018-maria-victoria-moreno


Feliz día das Letras Galegas!!