Páginas

domingo, 25 de noviembre de 2018

25 de novembro

Hoxe celébrase o Día contra a Violencia de Xénero. Unha celebración triste, que nos lembra que vivimos nunha sociedade onde a igualdade entre homes e mulleres, entre nenos e nenas, segue a ser unha falacia.
Cada ano asistimos a un desfile de cifras e datos que nos lembra o drama que viven algunhas mulleres só polo feito de selo: maltratos, violacións, mortes... Pero tamén vemos como unha parte cada vez máis grande da poboación é consciente de que estes casos son resultado dunha sociedade machista e patriarcal, e que calquera palabra, calquera xesto que rebaixe á muller importa.
Conscientes disto, desde a Anpa cremos que só unha educación en igualdade, baseada no respecto ás diferenzas pode conducirnos cara a unha sociedade xusta e igualitaria.
Por isto, o venres 23 sorprendemos ás alumnas e alumnos do cole con tatuaxes que lembraban con debuxos e letras a importancia de educar en igualdade, de que os xogos non teñen xénero e que somos iguais coas nosas diferenzas.

sábado, 10 de noviembre de 2018

UNHA NOVA ANPA, MÁIS FORTE E MÁIS ACTIVA

Hoxe moitos de nós recibimos unha agradable sorpresa: xunto cunha carta de presentación da nosa directiva, chegou ás nosas casas a través dos nosos fillos e fillas o carné de familias socias da nosa asociación.

Este carné, ademais dos beneficios que se explican tanto na propia carta coma na listaxe de establecementos colaboradores, identifícanos como membros dun equipo activo dentro da comunidade educativa do CEIP Laverde Ruíz, un colectivo de nós e para nós, punto de encontro das familias que procuramos unha educación integral para os nosos fillos e fillas.
Precisamente este é o obxectivo do novo equipo directivo da asociación: converterse nun membro activo, nun verdadeiro representante de pais e nais disposto a loitar pola mellor educación dos nosos nenos e nenas, apoiando tódolos proxectos que se desenvolvan dende o cole, mantendo unha perspectiva propia, revindicando todas aquelas melloras que consideremos xustas e necesarias, así como denunciando, no caso de que as familias así o consideremos, aquilo que achemos prexudicial para a convivencia, desenvolvemento e formación dos nosos fillos e fillas, tanto no propio colexio coma nas demais instancias relacionadas directa ou indirectamente co ensino e educación dos nosos nenos e nenas.