Páginas

jueves, 30 de mayo de 2019

UNHA GRAN EXPERIENCIA

O domingo 26 de maio tivo lugar o roteiro polas Insuas do Miño, unha paisaxe única da nosa contorna de fácil acceso para toda a familia.

A  pesar de que o percorrido foi máis longo do esperado, a convocatoria foi un éxito para tódolos participantes, especialmente para os máis pequenos que gozaron da camiñata xogando, correndo e buscando os elementos da natureza que a Anpa lles suxeriu. Así, por exemplo, puideron observar as distintas árbores presentes neste espazo, descubriron as caixas-refuxio de morcegos coas que a Casa das Insuas de Rábade pode estudar a presenza destes mamíferos, ou coñeceron a lenda do home-peixe.

 Dende aquí queremos agradecer a presenza de todos os que vos decidistes a realizar este roteiro, tanto do noso cole coma dos outros coles que se achegaron a gozar desta experiencia.

A continuación podedes ver algunhas fotos da camiñata:



jueves, 23 de mayo de 2019

NON ÁS REVÁLIDAS

Este ano, ademais da reválida que se realiza en Terceiro de Primaria e que ten lugar en tódolos centros, no noso cole terá lugar tamén a reválida de Sexto, que se decide a través dun sorteo.
A nosa ANPA está en total desacordo con destas probas externas, iguais para toda Galiza, que non teñen en conta nin as moi diversas circunstancias que condicionan un centro educativo, nin a diversidade entre o alumnado. Entendemos que é o profesorado que traballa diariamente cos nosos nenos e nenas, que coñece os seus intereses, as súas capacidades, as súas circunstancias e a súa evolución, o máis capacitado para avaliar o seu proceso de aprendizaxe.
Por iso desde aquí animamos ás familias á NON REALIZACIÓN destas probas e, para facilitar esta opción, propoñemos dous días de actividades lúdicas no centro cultural de Robra: os nenos e nenas pasarán o día nun espazo axeitado, realizando xogos ó aire libre (se o tempo o permite), manualidades de distinto tipo, etc., en horario de 9:00 a 16:15.

O prezo para estas actividades é:
Soci@s da ANPA: 5 euros ó día.
Non socios: 8 euros ó día.
As familias deberán levar e recoller ós nenos e nenas dentro do horario sinalado.

Para calquera dúbida podedes contactar connosco a través do teléfono ou o correo da Anpa.


viernes, 17 de mayo de 2019

ANTÓN FRAGUAS E O DÍA DAS LETRAS

Despois do éxito da actividade que a ANPA propuxo para celebrar este día no cole, hoxe queremos dedicar unhas liñas á personalidade que se lembra este ano no Día das Letras Galegas.
Antón Fraguas ten un papel fundamental na reivindicación de Galiza como pobo. Nacido en Cotobade mentres seu pai estaba emigrado no Brasil, á parte da emigración viviu tamén as represalias polas súas actividades a prol da cultura galega durante a Guerra Civil, seguramente as dúas máis grandes lacras para o desenvolvemento de Galiza ó longo do século XX.
Presidente do Museo do Pobo Galego, membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, que o franquismo se encargou de destruir, Antón Fraguas adicou boa parte do seu traballo ó estudo e difusión da cultura galega, das nosas tradicións máis ancestrais, transmitidas de xeración en xeración.
No mundo actual globalizado, cunha xuventude que busca os seus referentes culturais nas series de televisión xeralmente estranxeiras, na que se rompeu en grande medida a transmisión oral da cultura popular de pais a fillos, de avós a netos, é fundamental destacar a personaxes das características de Antón Fraguas, que nos leven a reflexionar sobre a importancia de manter vivo o espírito, as tradicións, o idioma que nos converteu nun pobo con identidade propia.

martes, 7 de mayo de 2019

NO NOSO COLE FALAR GALEGO TEN PREMIO

Un problema que afecta en boa medida ás linguas minoritarias coma a nosa, xunto coa preocupante perda de falantes, é a perda de vocabulario debido á influencia de formas alleas que se introducen a través dos medios de comunicación, a escola, etc.
Conscientes da importancia de frear esta perda e preservar a nosa riqueza lingüística, este ano, para celebrar o Día das Letras Galegas, propoñémoslles ós nenos e nenas do cole un xogo de 23 preguntas, unha por cada letra do abecedario, que deberán respostar con palabras pertencentes ó léxico tradicional.
Para facilitar a participación de todo o alumnado propóñense tres niveis de dificultade: Infantil, primeiro e segundo de Primaria e resto de Primaria.
Para facer máis interesante o xogo, entre tódolos participantes que contesten correctamente sortearanse os seguintes agasallos:

  • Unha caixa SMARTBOX "dous días con encanto".
  • Catro entradas para Marcelle.
  • Catro entradas de cine.

E moitas máis sorpresas que estamos preparando para ese día.
Animádevos a participar!!



FE DE ERRATAS:
Desde a ANPA queremos informar de que no cuestionario proposto para primeiro e segundo de Primaria cometeuse un erro coas opcións ofrecidas para a letra P.  As correctas son: Penas de Penelas, Penas de Rodas e Penas de Outeiro.