traduce

domingo, 20 de mayo de 2018

REVÁLIDAS

O mércores 23 e o xoves 24 deste mes o alumnado de 3 de Primaria de tódolos centros de Galicia será sometido a unhas probas externas coñecidas como "reválidas" (fronte ás de 6 de Primaria e 4 da ESO que só realizan algúns centros elexidos aleatoriamente).
A directiva da ANPA está en total desacordo coa realización dunhas probas externas que non teñen en conta o neno, as súas capacidades, o seu esforzo e a súa evolución ó longo do curso. Cremos que a avaliación dos nosos nenos debe quedar nas mans dos profesores que traballan con eles día a día, observándoos e motivándoos para alcanzaren os mellores resultados, e avogamos porque este traballo non se vexa alterado por unhas probas elaboradas desde calquera despacho de Santiago, sen contacto con alumnado de ningún tipo.
Por isto, propoñemos ás familias afectadas que eses días non envíen os nenos e nenas ó colexio. Para facilitar isto a aquelas familias que non teñen con quen deixalos, a directiva da ANPA organiza unhas xornadas en San Clodio (a casa das formigas) coa axuda de Cool School.
A este respecto, hai que sinalar a negativa do Concello a cedernos algún dos locais sociais cos que conta, para levar a cabo estas xornadas.
A continuación podedes atopar a carta enviada ás familias  coa información sobre as xornadas en San Clodio e a autorización que os nenos deben entregar no colexio este luns:

martes, 15 de mayo de 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.
María Victoria Moreno

O 17 de maio celébrase o día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe.
Se ben María Victoria non é  moi coñecida, hai varios aspectos da súa vida e obra que dende aquí queremos destacar:
En primeiro lugar, esta autora foi unha pioneira na literatura infantil e xuvenil na nosa lingua, con obras como Mar adiante www.xerais.gal/libro.php?id=2195651, A festa no faiado ou Anagnórise http://editorialgalaxia.gal/produto/anagnorise/.



O Arroás de Mar adentro, cuxas ilustracións realizou María Victoria para a súa primeira edición

En segundo lugar, esta cacereña sen ascendencia galega amosou sempre o seu interese pola nosa lingua, que ela consideraba a súa lingua por elección. Tal é así, que María Victoria Moreno non só foi coautora dos primeiros libros de texto de Lingua e Literatura galega cando estas comezaron a ser impartidas de forma oficial nos centros educativos, senón que antes disto, en plena Ditadura, ela mesma ensinaba estas asignaturas de forma gratuíta e semiclandestina, o que lle supuxo a retirada do pasaporte como represalia. 
Nun pobo que lle nega á lingua propia a importancia que ten como parte da cultura e se despreocupa d súa transmisión ás novas xeracións deixándoa esmorecer, nun pobo no que o sistema educativo traballa para a castelanización da sociedade, non recoñecendo ós nenos e nenas galegofalantes o dereito a seguir séndoo, queremos que o compromiso e traballo de María Victoria serva como exemplo a toda a comunidade educativa e en especial ó profesorado, á hora de promocionar, difundir e respectar o noso idioma.
Podedes encontrar máis información sobre esta autora en http://www.lingua.gal/letras-galegas/contido_0056/2018-maria-victoria-moreno


Feliz día das Letras Galegas!!

miércoles, 7 de marzo de 2018

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Este xoves 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora, na que se conmemora a loita feminina por unha sociedade máis xusta.
A continuación podedes ver un vídeo onde se expoñen os diferentes feitos que levaron ó recoñecemento deste día.

Este ano está convocada unha folga feminista para celebrar esta data. Co lema Se paramos todas, paramos todo continúase a liña de protestas iniciadas fai anos en países como Islandia, Polonia ou Arxentina.

Dende este blog queremos propoñer algunhas lecturas que axudan a educar na igualdade. Pero lembrade que somos nós, nais e pais, coa nosa actitude diaria os que podemos conseguir que as novas xeracións acaden o obxectivo de crear unha sociedade xusta.
Destacamos o conto de A historia dos Bonobos con gafas, do cal podedes ver un vídeo a continuación:

 
Igualmente no seguinte enlace temos as distinfas propostas de Kalandraka sobre este tema:
www.kalandraka.com/blog/wp-content/uploads/2013/03/Lecturas-en-feminino_mar13.jpg

Tamén temos coleccións sobre mulleres destacadas da nosa historia, así, por exemplo, destacamos a obra dedicada a Frida Khalo en Otras princesas. En galego atopamos Mulleres bravas da historia, que nos presenta biografías de mulleres destacadas da cultura galega como Rosalía de Castro ou Maruja Mallo.

martes, 6 de febrero de 2018

CHEGOU O ENTROIDO Ó NOSO COLEXIO


Como vén sendo habitual, esta semana o colexio Laverde Ruíz vólcase en celebrar estas festas de tradición ancestral, propoñendo que cada día da semana os nenos e nenas leven algunha peculiaridade na súa indumentaria: luns no colo, martes na cabeza, mércores a cara pintada e xoves disfraz libre. Para o venres o colexio decidiu rememorar os disfraces tradicionais galegos: peliqueiros, capitáns da Ulla, pantallas, galáns, madamas... percorerán o patio coas súas chocas e coloridos vestidos. Noraboa ó colexio por esta fantástica idea, que permite ós nosos nenos e nenas coñecer unha festa que vai moito máis alá có disfraz de moda. Feliz festa do mundo ó revés a todos!

domingo, 3 de diciembre de 2017

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

En 1992, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o día 3 de decembro como Día Internacional dos Impedidos. A Asemblea fixo un chamamento ós Estados Membros para que celebraran con especial énfase este Día, con miras a fomentar a integración na sociedade das persoas con discapacidades.

Desde a ANPA Laverde Ruíz consideramos que esta integración debe comezar nos centros educativos, pero tamén somos conscientes de que para lograr este obxectivo fai falla mellorar uns recursos que están sendo sistematicamente reducidos coa desculpa da crise: aumento da ratio alumnado/profesor, redución dos profesores de apoio (PT) e orientadores que comparten dous e tres centros... A isto hai que engadir a falta de formación do profesorado que se atopa totalmente abandonado ante os casos que atopa na clase, e a falta de implicación da Consellería, que non ofrece ningún tipo de formación necesaria para traballar con calquera neno con Necesidades Educativas Especiais (NEE).

Recomendámosvos ver este vídeo, onde Constanza Orbaiz, psicopedagoga con parálise cerebral nos relata o seu punto de vista sobre esta problemática.
Tamén podemos botar man de libros e contos accesibles para os máis pequenos. Desde aquí recomendamos O cazo de Lorenzo, de Isabelle Carrier, que nos fala dun neno, Lorenzo, que ten unha minusvalía representada por un cazo, que vai arrastrando e non lle permite facer algunhas cousas igual que os demais. A historia de Lorenzo explícanos como este neno "especial" vive a súa vida coas súas limitacións, e ensínanosa comprendelas, a aprender a vivir con elas e sacarlles todo o proveito do mundo. Todos temos as nosas capacidades e as nosas limitacións, por iso hai que saber identificalas para aprender a vivir con elas.

lunes, 27 de noviembre de 2017

DÍA DO MESTRE

Aínda que desde hai uns anos a Consellería de Educación decidiu non respectar esta data e colocala segundo conveña, o certo é que hoxe, 27 de novembro, é o día dos Mestres. Desde a Anpa queremos darlles os nosos parabéns a tódolos profesionais que se encargan de preparar os nosos fillos e fillas para o seu futuro.
Moitas grazas e feliz día.

viernes, 24 de noviembre de 2017

EN NEGRO, CONTRA A VIOLENCIA

O 25 de novembro celébrase o día contra a violencia machista, unha problemática que sacode a nosa sociedade con forza e da que son partícipes dunha forma cada vez máis alarmante os nosos mozos e mozas. Por iso é fundamental educar na igualdade desde as idades máis temperás a través da familia, a sociedade e, por suposto, a comunicade educativa. Por este motivo, desde a ANPA queremos compartir convosco algúns enlaces interesantes para celebrar este día e educar o resto do ano na igualdade entre nenos e nenas, mozos e mozas, homes e mulleres.
Así, por exemplo, recomendámosvos ver este vídeo preparado polos alumnos do IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo no cal, partindo dun reggaeton, revindican o papel da muller.

Tamén podemos botar man de gran cantidade de libros que presentan este tema de forma amena e didáctica para os nenos e nenas. Ós xa sinalados nunha entrada anterior sobre o Día da muller, como Rosa caramelo ou Artur e Clementina, engadimos agora Xela volveuse vampira, de Fina Casalderrey, da colección Contos da igualdade.