Páginas

miércoles, 27 de noviembre de 2019

25N Día Contra a VIOLENCIA DE XÉNERO




Campaña para erradicar unha das formas de violencia de xénero máis común entre adolescentes, a que se da mediante o control e a limitación da vida dixital das mulleres:

                                   https://www.youtube.com/watch?v=ub9rWnmiq_g


martes, 15 de octubre de 2019

Cociña, nova actividade



Esta semana comezamos cunha nova actividade e xa temos a moitos peques encantados coas súas primeiras elaboracións, galletas con pebidas de chocolate!
Agora esperamos que  se animen a facelas en casa para que poidan ser gozadas por toda a familia. Seguiremos informando desta actividade nas próximas semanas para deixarvos  cun bo sabor de boca...

miércoles, 2 de octubre de 2019

Semana do CLIMA


Estamos a quedarnos sen tempo. A ONU advirte que temos 11 anos para previr unha catastrofe climática irreversible. Se ata o 2030 a Terra quence máis de 1.5ºC en comparación a temperatura do século XIX enfrentaremos graves problemas ambientais con consecuencias nefastas para a vida: máis inundacions, ondas de calor máis extremas e secas máis frecuentes e duradeiras. 


AINDA PODEMOS SOLUCIONAR O PROBLEMA, mais a conta atras xa comezou. O mes pasado no noso cole celebrouse a Semana do Clima, coincidindo coa Semana do Clima en Nova York, que reuniu grandes empresarios e organizacións internacionales: https://www.un.org › climatechange
Concienciando así os nosos fillos/as de que evitar un cambio climático irreversible ainda é posible, que eles teñen nas suas mans o planeta, e coa axuda de todos podemos conseguir un futuro mellor. Tan sinxelo como tres feitos rutinarios: RECICLA, REUTILIZA e REDUCE e por suposto debemos empezar por evitar envases de plástico.Temos un gran exemplo na maior activista polo clima, unha nena chamada Greta Thunberg.ENTRE TODOS É POSIBLE....Na Anpa Laverde Ruíz xa estamos pensando como podemos axudar...

lunes, 30 de septiembre de 2019

Exhibición Guardia Civil




A Garda Civil reuniu na exhibición a membros dos servizos de Seguridade Cidadá, Agrupación de Tráfico, Seprona, Policía Xudicial, Intervención Rápida, de Montaña e Actividades Subacuáticas. Os escolares do Laverde Ruíz tiveron ocasión de familiarizarse coa Garda Civil e de coñecer o funcionamento destes servizos e tamén de ver o material do que dispoñen, os vehículos que utilizan, así como de observar o gran nivel de adestramento dos cans.
Nesta ocasión non puido acudir o helicóptero dado que tivo que colaborar nunhas labores de procura dunha persoa desaparecida. 



Queremos destacar que debemos concienciar aos nenos/as que en caso de perda ou desorientación busquen un uniforme, é algo clave. Desta forma, estará garantida a súa protección, a semana pasada en Lugo lanzábase esa mensaxe desde os corpos de seguridade tras a perdida de 2 nenos nos últimos días, un na zona da Milagrosa e outro en Bispo Aguirre. 

miércoles, 12 de junio de 2019

DOMINGO DE FOLIADA

Como xa sabedes, o domingo 9 de xuño celebrouse unha foliada a favor do Ensino Público organizada polo grupo de Anpas que realizou diversos roteiros ó longo do curso.
A pesar de que o tempo non axudou, moitas familias animáronse a achegarse ata o clube Fluvial de Begonte, onde os e as participantes habituais destas andainas recibiron cadansúa medalla, mentres que os participantes do roteiro das Insuas do Miño recibiron un diploma.




                                         Entre outras actividades, houbo xogos tradicionais, baile:




                                         E música, moita música:



Esperámosvos o curso que vén!!

domingo, 2 de junio de 2019

SEGUNDA FOLIADA POLO ENSINO PÚBLICO

Este ano a ANPA do CEIP Laverde Ruíz apúntase á II FOLIADA POLO ENSINO PÚBLICO que dende o curso pasado organizan unha serie de ANPAS de colexios da nosa contorna.
O lugar elexido é  o Clube Fluvial de Begonte, un espazo excepcional á beira do río Ladra, perfecto para pasar un día en famlia e con outras familias, que conta con zona de baño, praia, parque infantil e, por suposto, mesas para merendar.
Ó longo do día terán lugar distintas actividades dirixidas a grandes e pequenos: andainas, carreiras campo a través e xogos tradicionais, acompañados de boa música.
Contamos con vós!!



jueves, 30 de mayo de 2019

UNHA GRAN EXPERIENCIA

O domingo 26 de maio tivo lugar o roteiro polas Insuas do Miño, unha paisaxe única da nosa contorna de fácil acceso para toda a familia.

A  pesar de que o percorrido foi máis longo do esperado, a convocatoria foi un éxito para tódolos participantes, especialmente para os máis pequenos que gozaron da camiñata xogando, correndo e buscando os elementos da natureza que a Anpa lles suxeriu. Así, por exemplo, puideron observar as distintas árbores presentes neste espazo, descubriron as caixas-refuxio de morcegos coas que a Casa das Insuas de Rábade pode estudar a presenza destes mamíferos, ou coñeceron a lenda do home-peixe.

 Dende aquí queremos agradecer a presenza de todos os que vos decidistes a realizar este roteiro, tanto do noso cole coma dos outros coles que se achegaron a gozar desta experiencia.

A continuación podedes ver algunhas fotos da camiñata:



jueves, 23 de mayo de 2019

NON ÁS REVÁLIDAS

Este ano, ademais da reválida que se realiza en Terceiro de Primaria e que ten lugar en tódolos centros, no noso cole terá lugar tamén a reválida de Sexto, que se decide a través dun sorteo.
A nosa ANPA está en total desacordo con destas probas externas, iguais para toda Galiza, que non teñen en conta nin as moi diversas circunstancias que condicionan un centro educativo, nin a diversidade entre o alumnado. Entendemos que é o profesorado que traballa diariamente cos nosos nenos e nenas, que coñece os seus intereses, as súas capacidades, as súas circunstancias e a súa evolución, o máis capacitado para avaliar o seu proceso de aprendizaxe.
Por iso desde aquí animamos ás familias á NON REALIZACIÓN destas probas e, para facilitar esta opción, propoñemos dous días de actividades lúdicas no centro cultural de Robra: os nenos e nenas pasarán o día nun espazo axeitado, realizando xogos ó aire libre (se o tempo o permite), manualidades de distinto tipo, etc., en horario de 9:00 a 16:15.

O prezo para estas actividades é:
Soci@s da ANPA: 5 euros ó día.
Non socios: 8 euros ó día.
As familias deberán levar e recoller ós nenos e nenas dentro do horario sinalado.

Para calquera dúbida podedes contactar connosco a través do teléfono ou o correo da Anpa.


viernes, 17 de mayo de 2019

ANTÓN FRAGUAS E O DÍA DAS LETRAS

Despois do éxito da actividade que a ANPA propuxo para celebrar este día no cole, hoxe queremos dedicar unhas liñas á personalidade que se lembra este ano no Día das Letras Galegas.
Antón Fraguas ten un papel fundamental na reivindicación de Galiza como pobo. Nacido en Cotobade mentres seu pai estaba emigrado no Brasil, á parte da emigración viviu tamén as represalias polas súas actividades a prol da cultura galega durante a Guerra Civil, seguramente as dúas máis grandes lacras para o desenvolvemento de Galiza ó longo do século XX.
Presidente do Museo do Pobo Galego, membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, que o franquismo se encargou de destruir, Antón Fraguas adicou boa parte do seu traballo ó estudo e difusión da cultura galega, das nosas tradicións máis ancestrais, transmitidas de xeración en xeración.
No mundo actual globalizado, cunha xuventude que busca os seus referentes culturais nas series de televisión xeralmente estranxeiras, na que se rompeu en grande medida a transmisión oral da cultura popular de pais a fillos, de avós a netos, é fundamental destacar a personaxes das características de Antón Fraguas, que nos leven a reflexionar sobre a importancia de manter vivo o espírito, as tradicións, o idioma que nos converteu nun pobo con identidade propia.

martes, 7 de mayo de 2019

NO NOSO COLE FALAR GALEGO TEN PREMIO

Un problema que afecta en boa medida ás linguas minoritarias coma a nosa, xunto coa preocupante perda de falantes, é a perda de vocabulario debido á influencia de formas alleas que se introducen a través dos medios de comunicación, a escola, etc.
Conscientes da importancia de frear esta perda e preservar a nosa riqueza lingüística, este ano, para celebrar o Día das Letras Galegas, propoñémoslles ós nenos e nenas do cole un xogo de 23 preguntas, unha por cada letra do abecedario, que deberán respostar con palabras pertencentes ó léxico tradicional.
Para facilitar a participación de todo o alumnado propóñense tres niveis de dificultade: Infantil, primeiro e segundo de Primaria e resto de Primaria.
Para facer máis interesante o xogo, entre tódolos participantes que contesten correctamente sortearanse os seguintes agasallos:

  • Unha caixa SMARTBOX "dous días con encanto".
  • Catro entradas para Marcelle.
  • Catro entradas de cine.

E moitas máis sorpresas que estamos preparando para ese día.
Animádevos a participar!!



FE DE ERRATAS:
Desde a ANPA queremos informar de que no cuestionario proposto para primeiro e segundo de Primaria cometeuse un erro coas opcións ofrecidas para a letra P.  As correctas son: Penas de Penelas, Penas de Rodas e Penas de Outeiro.

miércoles, 27 de marzo de 2019

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O pasado venres 8 de marzo celebrouse a nivel mundial o Día da Muller Traballadora.
 Non imos facer aquí unha recapitulación de todos aqueles aspectos nos que a muller non acadou a igualdade co home. Non imos falar da brecha salarial, da violencia de xénero, de machismo e micromachismo... A estas alturas quen non está enterado destes aspectos é porque non quere enterarse.
 Porén, dende aquí queremos incitar á reflexión sobre o día a día nun centro educativo coma o noso, porque a día de hoxe seguen sendo maioritariamente as mamás as que se reúnen cos/coas titores/titoras, segue sendo o seu número de teléfono o primeiro que figura na lista de contactos, seguen sendo elas as que organizan o calendario dos nenos/nenas, as que se preocupan das actividades extraescolares, da axenda, das amizades... En definitiva, as responsables do que atinxe a actividade escolar dos nosos cativos e cativas...
Para celebrar este día a Anpa Laverde Ruíz, en colaboración co colexio, elaborou un vídeo no que varias mamás do centro explicaban os seus respectivos traballos, que foi visionado polo alumnado ó longo desta semana.  Desde aquí aproveitamos para agradecer a estas mamás  a súa colaboración.





viernes, 1 de febrero de 2019

DÍA DA PAZ

Este mércores celebrouse o Día da Paz e no noso centro realizáronse diversas actividades que tiveron como finalidade facer ver a nenos e nenas a importancia deste concepto fundamental para lograr unha sociedade  igualitaria e humanitaria.
A Anpa Laverde Ruíz quixo sumarse a esta celebración propoñendo (coa colaboración do profesorado) una serie de actividades encamiñadas a facer reflexionar ó alumnado en como a paz, un concepto que en principio parece tan abstracto, está presente no noso día a día, a través da convivencia cos que nos rodean, e como atentamos contra ela cando insultamos, empurramos, pegamos ou incluso deixamos de lado ós nosos compañeiros ou compañeiras.
Nunha sociedade cada vez máis individualista en xeral, e nun centro educativo que non para de medrar en alumnado, cómpre facer fincapé en conceptos básicos como a convivencia, o respecto, a tolerancia, a empatía...



Tamén propoñemos algunas lecturas que abordan o tema da Paz e as terribles consecuencias da guerra:

POR QUE? Ed. Kalandraka
Fronte á barbarie da guerra, un libro visual que alenta os lectores a seren promotores do diálogo, da tolerancia, da convivencia e da paz.

IMAGINE. Ed. Flamboyant
É un álbum infantil sobre os valores da paz e a tolerancia. Coa letra da inmortal canción de John Lennon e prólogo de Yoko Ono en colaboración con Amnistía Internacional.

A BRUXA DISCORDIA.Ed.Galaxia.
Libro-Cd.Cancións para a Paz
Discordia é unha bruxa que é feliz destruíndo a Paz, facendo que todos os animais, e os humanos, se leven mal. E come olivas como unha tola...  Con todo un día vai acontecer algo que cambiará o seu mundo, e o mundo enteiro, para sempre...


O LAPIS MÁXICO DE MALALA.Ed.Xerais


Malala, como o personaxe dunha serie da televisión, desexaba ter un lapis máxico. Con el faría feliz a súa familia, borraría o cheiro a lixo da cidade, detería o tempo para durmir unha hora máis pola mañá... Pero nun momento dado caeu na conta de que había cousas máis importantes que arelar. Non lle gustaba o mundo que vía e quería mudalo. E aínda que nunca atopou un lapis máxico, decatouse de que podía traballar arreo para facer realidade os seus desexos.Este volume, fermosamente ilustrado, narra a historia de Malala para o lectorado máis novo e amosa como se pode abrazar a esperanza, mesmo nos momentos máis difíciles.

viernes, 18 de enero de 2019

ACTIVIDADES PARA TODA A FAMILIA

Co comezo de ano entramos a formar parte dun grupo de Anpas que organizan diversas andainas o último domingo de cada mes. Son camiñadas por zonas próximas de grande beleza e interese, aptas para tódalas familias, incluídos os máis pequenos.
O primeiro roteiro no que imos participar será o domingo 27 e terá lugar en Guitiriz, rematando pola tarde cunha visita ó Museo de Víctor Corral en Baamonde. Sairemos do colexio ás 10:00.
Tanto o desprazamento como o xantar será a cargo das familias participantes.
Unha forma distinta de pasar un domingo. Animádevos!!!